
Ola compañeiros! Como mariñeiriña que son non puiden resistir a tentación de meterme de cheo no blog e ofrecervos unha foto da ría para que vos sumerxades nela neste día de calor abafante.
Podería mostrarvos como son as procesións marítimas... cousa bonita... pero agora con isto da prevención de riscos e de que as aseguradoras non queren facer unha póliza para un día coma hoxe, no que morea de xente se quere embarcar nun motorsiño para acompañar ás figuras das Carmiñas de todas as rías, un día no que a festa é dos mariñeiros e da xente do mar, non o vou facer. Moitos destes profesionais hoxe van quedar cos seus barcos atracados no peirao, en sinal de protesta, por non poder embarcar a mais persoas que as da tripulación, por non poder compartir con coñecidos e amigos un remollaso salgado mentres o capitán preme a toda tralla a serea da embarcación.
Se tedes a sorte de vivir nunha vila mariñeira e de poder asistir a unha procesión no mar, ide! (Aínda que non sexas crente, oh!) E Anxo, se tal aghárrate ben ao mastro e leva un chaleque salvavidas, non vaia ser que quedes fondeado. E iso sí, coidado cos foguetes que hai algún fogueteiro que é un remo torto e logo cáenche as canas enriba.
Bo día pesqueiro! Recontra!
No hay comentarios:
Publicar un comentario